Novas 2010

11-09-2010   Baixada do Sil

Este sábado día 11 púxose fin o Campionato galego de ríos e travesías cunha incondicional, a 44ª edición da Baixada do Sil entre Sobradelo de Valdeorras e O Barco de Valdeorras. Pola nosa parte, Daniel Vieira foi 17º na categoría xuvenil K1, tras completar unha moi boa actuación logo de ser a primeira vez do noso padexeiro neste río e o éxito chegaria da man de Jonathan Domínguez e Xoán Carlos Rodríguez que no K2 sénior lograron entrar en crono na posición 14ª e puntuar despois de moitas dificultades na baixada.

Grazas os nosos padexeiros o Clube Fontefría foi 22º nesta última regata que pon fin á tempada oficial, a falta da reagata amigable "Pub Gadafi", a celebrar o vindeiro 18 de setembro en Barra de Miño.

OLLA OS RESULTADOS!

26-08-2010   IV Subida ós Picos de Fontefria

O pasado xoves 26 de agosto celebrouse a cuarta subida consecutiva aos picos que dan nome ao noso clube: Picos de Fontefría. 17 membros da sociedade asistiron a este evento que rematou con baño e cea en Pitoes.

14-08-2010   Crónica Baixada do Miño de Tui e amigable de Baños de Molgas

O pasado sábado 14 de agosto celebreouse, en augas fronteirizas, na desembocadura do Miño, a 33ª Baixada do Miño de Tui. Os nosos padexeiros tiveron unha boa actuación, particularmente o K2 sénior formado por Jonathan Domínguez e X. Carlos Rodríguez que obtivo un meritorio 23º posto, non logrando entrar no crono por apenas un minuto, tras unha estupenda regata e logo de sair de primeiros. Daniel Vieira foi 38º e Carlos Montañés foi 39º.

A vindeira regata de ríos será a Baixada do río Sil, o 11 de setembro. Antes será o turno para os infantís e alevíns que o 22 de agosto terán unha cita en Allariz, na regata ourensá de promoción.

O domingo 15, en Baños de Molgas, disputouse unha regata amigable para infantís, alevíns e benxamíns dos clubes ourensáns. Paula Pérez foi líder na categoría Alevín dama, onde Laura Vieria foi penúltima; Alba Rodríguez foi 2ª en Benxamín dama; Raul Silva foi 8º en Infantil A e Iago Pérez 5º na mesma categoría e nun río moi estreito no que foi imposible adiantar.

PODES OLLAR OS RESULTADOS, AS FOTOS E OS VIDEOS!

01-07-2010   Crónica Regata de infantís de Muiños e amigable de Avión

Esta fin de semana celebrouse no encoro das Cunchas a 6ª regata de infantís do Campionato Galego de promoción. Ata aguas do Limia, desprazáronse un total de 25 clubes de toda Galicia, entre eles os ourensáns Fluvial Allariz, Fluvial O Barco, Fluvial de Avión e Fontefría.

Os nosos padexeiros conseguiron rematar unha boa participación puntuando na categoría infantil A masculino, tanto Iago Pérez como Miguel Perdiz, conseguindo un total de 310 puntos que elevaron o noso clube ata a 20ª posición na clasificación xeral de clubes. Raul Silva, na mesma categoría, non conseguiu entrar en crono, pero a súa actuación foi moi boa logo de ser unha das últimas incorporacións do clube.

Tamén nesta fin de semana disputouse a regata amigable de Avión na que obtivemos bós resultados: Paula Pérez foi 2ª na categoría Alevín dama, Alba Rodriguez 2ª tamén en Benxamín dama, Víctor Álvarez foi 7º en Benxamín home, Antonio Álvarez foi 8º en Alevín home, Laura Vieira 8ª en Alevín muller e Iago Pérez finalizou último en Infantil A logo de sufrir dous volcos.

A vindeira regata de promoción será a o día 8 en Ferrol, para os nosos padexiros xa agarda a Baixada do Miño en Tui o vindeiro día 14 de agosto e o 15 a regata amigable de Baños de Molgas.

OLLA OS RESULTADOS E AS FOTOS!

19-06-2010   Crónica Baixada do Miño de Ourense

O pasado sábado 19 de xuño celebrouse no encoro de Velle, en Ourense, a Baixada do Miño de Ourense. O percorrido, tal e como ven sendo nos últimos 3 anos, tivo un total de 14 km. con saída e meta na presa de Velle. O Clube Fontefría tivo unha discreta participación, o K2 formado por Jonathan Domínguez e X. Carlos Rodríguez na categoría sénior, que cruzaría a meta en 21º lugar facendo un tempo de 1:24:36. Os nosos padexeiros non entraron en control a falta de tres minutos.

En canto ó resta da participación ourensá foi moi nutrida: o Fluvial do Barco foi 19ª, a Escola Municipal ourensá foi 22ª, o Fluvial de Avión foi 32º e o Fontefría 34º.

A vindeira regata de Ríos e Travesías será o Trofeo Taxamar, na Serra de Outes, o 26 de xuño pola mañá, e pola tarde será o turno para os infantís no mesmo lugar.

XA PODES OLLAR AS FOTOS E OS RESULTADOS!

05-06-2010   Teatro: "Almas sinxelas" do Grupo Barbañá

A SCDX Fontefría organiza a representación teatral "Almas sinxelas", de Manuel Prado Lameiro e dirixida por Manuela Casal Domínguez do Grupo de teatro Barbañá. A estrea será o 5 de xuño no Pub Gallaecia ás 19:00 horas.

-Sobre a obra:

Sidro é un home de aldea afeccionado a sentar diante da casa e enterarse de todo canto pasa. A sua dona, Marica, non comparte esta afección e pasa a vida berrando con él, pero, nesta ocasión, a intervención de Sidro será de grande importancia nun tema de amores, fachendas e malos entendidos.

-Sobre o grupo:

O gran grupo de teatro Barbañá estrea de novo e con moita ilusión o seu último traballo. Despois da afectuosa acollida das actuacións anteriores sintense moi ledos de voltar a este escenario que viu nacer o grupo e segue acompañándoo na sua evolución.

Seguen sendo un grupo sacrificado que adica varias horas á semana a ensaiar, superando algunhas dificultades pero sen perder nunca a ilusión, o bo humor e as ganas de divertirse e tratar de que tamén outros se divirtan.

11-04-2010   Asemblea Xeral de Socios

O domingo día 11, en segunda convocatoria ás 10.30 horas, celebrouse no local social do Clube Fontefría a primeira Asemblea Xeral de socios do ano 2010 na que se trataron os seguintes temas e se adoptaron os seguintes acordos:
  1. Aprobación das contas do ano 2009: Apróbanse por unanimidade.
  2. Entrada de novos socios: Solicitude presentada por Constantino Pérez. Apróbase por unanimidade.
  3. Pago das cotas do clube: Acordouse que se dará a posibilidade de domiciliar as cotas e aqueles que non a domicilien terán un recargo por cada mes que pase do 31 de marzo. Comezarase a aplicar esta normativa a partires do ano 2011. Recoméndase ós socios que soliciten os papeis de domiciliación.
  4. Explotación do local do clube: Non hai socios interesados polo momento pero si outras persoas. De non haber algunha proposta por parte dun socio, farase unha subasta en sobre pechado estipulando un mínimo e sinalando unhas normas básicas.
  5. Elección de nova Xunta Directiva. Presentouse unha única candidatura que resultou elixida por unanimidade:
            -Presidente: D. Xoán Carlos Rodríguez García
            -Vicepresidente: D. Plácido Perdiz González
            -Tesoureiro: D. Francisco José Pérez Quintas
            -Secretaria: Dna. Paula Abadaes Rodríguez
            -Delegado piragüismo: D. Jonathan Domínguez Rodríguez
            -Vogal cultura: D. Lino Perdiz Álvarez
            -Vogal deporte: D. Carlos Airas Cota

06-03-2010   Crónica Campionato Galego de Inverno e Cto. Galego de Veteráns

Este sábado día 6 celebrouse en Castrelo de Miño o Campionato Galego de Inverno sobre a distancia de 5000 metros, primeiro proba tamén para a Copa Galega de Veteráns. A participación por parte do Clube Fontefría foi de 3 padexeiros na categoría Sénior K1 e Veterán. Desta volta Jonathan Domínguez e Ramón León foron dobrados nos 3500 metros, debido a climatoloxía que non acompañou nas derradeiras regatas da xornada. Pola súa banda Alfonso Domínguez tampouco conseguiu rematar debido a problemas co temón e ós fortes ventos que sopraban.

O Kaiak Tudense foi de novo o gran dominador da regata sumando xa dúas victorias de dúas posibles. Polo que atinxe á participación ourensá o Fluvial O Barco móstrase forte, puntuando na categoría sénior e veterán e alzándose como líder na clasificación ourensá. O resto de clubes non acadaron puntuación algunha.

A vindeira regata da Copa Galega de Pista será a Regata Nacional de Pista sobre 1000 metros os días 10 e 11 de abril en Verducido (Pontevedra). A seguinte proba do calendario é a primeira regata para os infantís en Pontevedra, o 27 de marzo, que abre a Copa Galega de Promoción.

XA PODES OLLAR OS RESULTADOS E AS FOTOS DO CAMPIONATO GALEGO DE INVERNO!

20-02-2010   Crónica Control Galego de Inverno

O pasado día 20 celebrouse en Castrelo de Miño o Control Galego de Inverno sobre a distancia de 5000 metros. A participación por parte do Clube Fontefría foi de 3 padexeiros na categoría Sénior K1. Tanto Jonathan Domínguez, como Ramón León como Alfonso Domínguez non conseguiron rematar a regata, obrigados a abandonala por descalificación. Aínda así a participación aumentou con respecto a anos anteriores e espéranse máis padexeiros para a vindeira regata que será o Campionato Galego de Inverno sobre 5000 metros, que se celebrará tamén en augas do Ribeiro.

En canto ó resto da participación ourensá, destacar o Fluvial O Barco que acadou 89 puntos sendo 24º, mentres o resto de clubes non acadaron puntos a pesar da ampla participación nesta primeira regata do calendario, onde padexaron arredor de 20 deportistas ourensás.

XA PODES OLLAR OS RESULTADOS E AS FOTOS DO CONTROL GALEGO DE INVERNO!